Friday 29 de March de 2024

A Coruña, Arteixo, Narón e Poio sumaranse ese ano ao proxecto da Xunta para obter imaxes de alta resolución dos seus municipios


O Instituto de Estudos do Territorio, a Fegamp e os catro concellos asinarán un convenio de colaboración para fixar os termos e condicións do acordo
Os concellos da Coruña, Arteixo, Narón e Poio sumaranse este ano ao proxecto cooperativo PNOA 10_Galicia, impulsado en 2018 polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta para poder obter ortofotografías aéreas de alta resolución e cubrir así as demandas de información espacial das Administracións locais.

O acordo en base ao cal se realizarán estes voos formalizarase nos próximos días despois de que o Consello da Xunta dera esta semana o visto e prace á sinatura dun convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Federación Galega de Municipios e Provincias e os catro municipios que voluntariamente solicitaron participar na que será a terceira edición do PNOA 10.

Este tipo de voos realizáronse por primeira vez na Comunidade hai catro anos, convertendo así a Galicia en pioneira na materia e poñendo ao alcance dos concellos material moi pouco desenvolvido a nivel nacional, onde as experiencias previas similares limitábanse a Madrid e a algunha actuación puntual en Cataluña e País Vasco, pero sen abranguer unha extensión de territorio tan ampla como no caso galego.

Así, durante o verán de 2018 e no marco da primeira edición do proxecto, sobrevoáronse os concellos de Cambre, Carballo, Oleiros, Lugo, Sanxenxo e Pontevedra, cubríndose unha superficie total de 230 km2 e obtendo 3.129 fotografías de alta resolución. No ano 2019 foi a quenda dos concellos de Ames, Betanzos, Fene e Teo, cunha superficie cuberta de 112 km2.

Polo tanto, nestes momentos son xa 10 os concellos galegos que dispoñen de imaxes de alta resolución do seu territorio grazas a esta iniciativa da Xunta pioneira a nivel estatal.

A través deste novo convenio, A Coruña, Arteixo, Narón e Poio poderán obter tamén imaxes xeorreferenciadas de aproximadamente 10 centímetros por píxel a partir de fotografías tomadas desde o aire, un material gráfico con múltiples aplicacións prácticas. Os propios concellos delimitaron as zonas a capturar tendo en conta as súas propias necesidades, establecéndose que a superficie total a voar en 2021 será de 191,43 km2.

O custo total dos traballos a desenvolver ascende a 246.562,42 euros, dos cales 216.062,42 euros corresponden coa realización dos voos e outros 30.500 euros, co control de calidade, tarefa que asumirá o IET co seu propio persoal técnico. Tal e como consta no convenio, os concellos asinantes achegarán 166.062,42 euros e a Xunta, os 50.000 euros restantes.

Cómpre subliñar que as imaxes de alta resolución e con características de ortofoto verdadeira que se obteñen grazas ao PNOA 10_Galicia supoñen unha ferramenta de traballo importante para os concellos en canto á planificación espacial de políticas relacionadas con diversos eidos, xa que co produto resultante conseguen información actualizada, fiable e ao detalle do seu territorio.

Entre as posibles aplicacións prácticas destacan a elaboración de cartografía e información xeográfica a gran escala, cunha rebaixa de custos e unha simplificación dos traballos para a súa obtención; a planificación e a disciplina urbanística así como a ordenación do territorio; a revisión do catastro; o desenvolvemento de aplicacións de realidade virtual e aumentada; a xestión de todo tipo de redes municipais (saneamento, abastecemento, rego, comunicacións, etc.); ou a actualización da enquisa de infraestruturas e equipamentos locais.

Galicia, un exemplo a seguir noutras zonas
O PNOA 10_Galicia naceu coa intención de obter ortofotos cun maior nivel de resolución no ámbito local e complementar á vez o Plan nacional de observación do territorio (PNOT), que responde satisfactoriamente a moitas das demandas que poden existir respecto á planificación espacial das políticas nacionais e autonómicas, pero non cubre a totalidade das necesidades dos concellos noutras áreas da súa competencia.

Catro anos despois e en vista do éxito e dos bos resultados obtidos, o IET e o Instituto Xeográfico Nacional colaborarán na difusión do proxecto galego como exemplo do gran potencial que teñen este tipo de imaxes de alta resolución co fin de acadar a súa extensión e aplicación práctica a outros puntos do país.